Thursday 28 de March de 2024

O Concello reforma o parque infantil de Berta Tapia, no barrio de Labañou, cun novo firme de caucho e xogos adaptados


A superficie do recinto, con capacidade para 27 usuarios e usuarias, ampliarase ata 183 metros cadrados. Ademais, contará con dúas novas estruturas multixogo con tobogáns e redes para trepar

O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, comezou esta semana os traballos de reforma do parque infantil de Berta Tapia, situado no barrio de Labañou, e que verá ampliada a súa superficie ata máis de 180 metros cadrados, con capacidade para 27 usuarios e usuarias.

A intervención, enmarcada no Plan Integral de Mellora dos Parques Infantís impulsado polo Goberno de Inés Rey nos barrios da cidade, abrangue a inclusión de tres novos xogos para rapazas e rapaces de ata 14 anos: unha randeeira cuádrupla con asento adaptado; unha estrutura tipo castelo, con tobogán e rede; así como outra estrutura multixogo con rede de escalada e xogos adaptados.

Neste sentido, na zona de xogos colocarase un novo cartel informativo para orientar ás familias, nenas e nenos para un uso seguro e correcto das instalacións.

Ademais, os xogos xa existentes serán restaurados e reintegrados no parque infantil, onde tamén se renovará o pavimento cunha nova superficie de caucho.

A intervención en Berta Tapia, tras as de Mosteiro de Cines, Lagoas e San Xaime O Concello da Coruña, de acordo co Plan Integral de Mellora dos Parques Infantís, está realizando actuacións para acondicionar e mellorar a accesibilidade nos parques da cidade.
Ás obras na zona de xogos do parque infantil de Berta Tapia súmanse as actuacións xa rematadas a inicios de abril en Mosteiro de Cines e Lagoas, así como a que se está a levar a cabo no parque infantil de San Xaime, na Sagrada Familia, desde a semana pasada.

Así, o Goberno de Inés Rey avanza no seu obxectivo de completar o Plan Integral de Mellora dos Parques Infantís, unha estratexia anunciada o pasado mes de xuño do 2021 pola alcaldesa para garantir o correcto mantemento destes espazos, así como as mellores condicións de accesibilidade ás nenas e nenos da cidade